Degustacións diarias e un sorteo de tres Galos de Curral, oferta de Culinaria na Semana Verde de Galicia
-
Visita o stand da empresa na Zona 1 –área profesional- para probar as máis de 1.700 tapas que se ofrecerán aos visitantes
-
Durante os catro días da Feira, Culinaria amosa ao público unha ampla mostra do menú que elaboran e comercializan, cunha selección de 11 pratos diarios diferentes e dous prostres
Silleda, 1 de xuño de 2022.- A empresa Culinaria estará a partir de mañá, xoves día 2 de xuño na Feira Semana Verde de Galicia cun stand na Zona 1 –área profesional– no que ofrecerá diversas degustacións ao público. Coa súa presenza acércase ao público dende un certame que está a ser un escaparate de Galicia para o mundo.
Durante catro días, Culinaria realizará un completo programa destinado tanto a profesionais como a visitantes, cunha coidada exposición e selección de pratos elaborados sen aditivos nin conservantes e con materias primas galegas de primeira calidade, entre os que figuran ensaladas e entrantes, carnes, arroces e prostres.
Con esta ampla variedade, Culinaria quere achegar a cociña rica, caseira e natural que se elabora diariamente nas cociñas que a empresa ten en Silleda e que se comercializa en toda Galicia, aos visitantes e profesionais que se acerquen á Semana Verde. Concretamente, catro carnes cociñadas a baixa temperatura, sete pratos de quinta gama e dous prostres completan a oferta diaria.
Nas catro xornadas de apertura da Feira, dous cociñeiros de Culinaria elaborarán un total de 1.700 racións-degustación que se ofrecerán ao público previa reserva anterior no propio stand.
Asemade, haberá atención personalizada aos profesionais que precisen o servizo que se ofrece: comida tradicional galega servida coa última tecnoloxía para unha mellor conservación.
Sorteo de tres Galos de Curral
Entre os produtos de elaboración con receitas propias que se desgustarán no stand de Culinaria figura tamén a exaltación do Galo de Curral de Vila de Cruces como produto de proximidade. Ademais das racións degustación de varias pezas cociñadas por Culinaria cunha coidada preparación artesanal, realizarase tamén un sorteo de tres galos de curral cociñados ao modo tradicional entre o público asistente. Para poder participar é necesario cubrir un formulario no stand en modelo dixital ou papel, segundo as preferencias de cada visitante.
A empresa Culinaria conta cunha planta de produción propia de case 2.500 metros cadrados situada na Comarca do Deza, no corazón de Galicia, dende a que se elaboranentre 12.000 e 15.000 pratos día que se serven a uns 4.500 comensais diarios de toda a Comunidade galega.
Esta planta está especialmente deseñada e dotada para levar a cabo servizos de alimentación en liña fría ou quente que permite, asemade, combinar os procedementos da cociña tradicional cos sistemas de conservación máis innovadores e seguros. Esta dotación posibilita á compañía acadar un alto grao de planificación e organización da produción, ademais de garantir un máximo nivel de seguridade e hixiene alimentaria.
No marco desta concepción da alimentación como un dos piares da saúde individual e colectiva, Culinaria desenvolve a súa actividade centrada fundamentalmente en catro marcas recoñecidas, Culinaria Pro, con solucións de restauración para o ámbito profesional, Culinaria Sénior, con sección propia Xerocatering para o coidado nutricional das persoas maiores, Culinaria San, con proxectos específicos para entornos clínicos e atención á diversidade e Culinaria Kids, con pratos equilibrados e divertidos para os máis pequenos.