ShowCookingCulinaria

Culinaria promociona en Fitur dúas elaboracións do Galo de Curral de Vila de Cruces

  • Dende este venres, día 20 de xaneiro, dentro do stand do Concello de Vila de Cruces

  •  Dous cociñeiros de CULINARIA serán os encargados da  súa preparación asado ao forno e guisado con guarnición, que se ofrecerá en degustación aos asistentes

Silleda, 18 de xaneiro  de 2023.- A empresa de alimentación CULINARIA,  desprazase o venres a Fitur para presentar as diferentes elaboracións do Galo de Curral que se ofrecerán en degustación ao público, dentro do stand que ocupa o Concello de Vila de Cruces nesta Feira Internacional de Turismo que se celebra no recinto feiral de Madrid dende o ano 1981, e considerada como a segunda feira de turismo máis importante do mundo.

Concretamente, CULINARIA pon a disposición dous cociñeiros (Marcelo Torres, responsable de I+D+I da Compañía, e Julio Mato del Río condutor do programa de cociña da TVG A Voltas co Prato) que serán os encargados de mostrar a través dun
Show Cooking o Galo de Curral guisado con guarnición ao modo tradicional, recuperando a receita que se utiliza nestas terras dende tempos antigos; e o asado ao forno de forma lenta para potenciar o seu sabor suculento.

CULINARIA participa así como empresa cooperante a nivel nacional na difusión é promoción do Galo de Curral, criados ao xeito tradicional no Concello de Vila de Cruces. Recentemente recibiron un galardón como empresa colaboradora por estas dúas elaboracións na Feira do Galo que se celebrou neste Concello de referencia a finais de decembro do 2022. Asemade, a empresa participa coa Asociación de Criadores de Galos de Curral de Vila de Cruces na promoción deste produto autenticamente galego, criados sen castrar e en liberdade e alimentados con produtos de tempada e cultivo orgánico que evita a graxa do polo industrial.

Para garantir o éxito da degustación que se ofrecerá en Fitur, os dous cociñeiros traballarán para conseguir varios resultados ao padal coas súas preparacións tradicionais de forma lenta que libera parte da graxa que se foi acumulando entre os diversos músculos durante os meses de crianza, e que é un dos factores principais da primeira sensación dun sabor especial que se sinte ao mastigar. Entre os seus obxectivos está que o galo resulte mais tenro, e que non se desfaga durante a preparación.

Con estas dúas receitas desenvolvidas pola empresa, que se ofrecerán no stand do Concello de Vila de Cruces, CULINARIA quere participar na promoción da cociña rica, caseira e natural galega entre os visitantes e profesionais que se acerquen a Fitur dentro do programa de degustacións. Actualmente pódense adquirir cun simple clic na páxina web https://cocinaculinaria.com/galodecurral/

A empresa CULINARIA conta cunha planta de produción propia de case 2.500 metros cadrados situada na Comarca do Deza, no corazón de Galicia, dende a que se elaboran entre 15.000 e 20.000 pratos día que se serven a uns 6.000 comensais diarios de toda a Comunidade galega.

Esta planta está especialmente deseñada e dotada para levar a cabo servizos de alimentación en liña fría ou quente que permite, asemade, combinar os procedementos da cociña tradicional cos sistemas de conservación máis innovadores e seguros. Esta dotación posibilita á compañía acadar un alto grao de planificación e organización da produción, ademais de garantir un máximo nivel de seguridade e hixiene alimentaria.

No marco desta concepción da alimentación como un dos piares da saúde individual e colectiva, Culinaria desenvolve a súa actividade centrada fundamentalmente en catro marcas recoñecidas, Culinaria Pro e Menú Atlántico, con solucións de restauración para o ámbito profesional, Culinaria Sénior, con sección propia Xerocatering para o coidado nutricional das persoas maiores, Culinaria San, con proxectos específicos para entornas clínicos e atención á diversidade e Culinaria Kids, con pratos equilibrados e divertidos para os máis pequenos.