MarceloTorresXulioMato

Éxito de público en Fitur no Showcooking das elaboracións do Galo de Curral de Vila de Cruces

  • Realizouse hoxe, día 20 de xaneiro, dentro do stand do Concello de Vila de Cruces

  •  Dous cociñeiros de CULINARIA foron os encargados da  súa preparación asado ao forno e guisado con guarnición, que se ofreceu en degustación aos asistentes

Silleda, 20 de xaneiro  de 2023.- O Showcooking das dúas elaboracións do Galo de Curral de Vila de Cruces celebrado hoxe en Fitur polos dous cociñeiros de CULINARIA foi un éxito de público, que se acercou a degustar as modalidades deste produto galego nas súas preparacións de asado ao forno e guisado con guarnición.

O stand do Concello de Vila de Cruces converteuse nunha festa de exaltación deste produto galego recuperando as receitas que se utilizan en Galicia dende tempos antigos. Os cociñeiros Marcelo Torres, responsable de I+D+I de CULINARIA, e Julio Mato del Río, condutor do programa de cociña da TVG A Voltas co Prato, foron os encargados das elaboracións que causaron sensación no público asistente.

Ambos conseguiron varios resultados ao padal coas súas preparacións tradicionais de forma lenta que libera parte da graxa que se foi acumulando entre os diversos músculos durante os meses de crianza, e que é un dos factores principais da primeira sensación dun sabor especial que se sinte ao mastigar. Entre os seus obxectivos está que o galo resulte mais tenro, e que non se desfaga durante a preparación.

CULINARIA participa así como empresa cooperante a nivel nacional na difusión é promoción do Galo de Curral, criados ao xeito tradicional no Concello de Vila de Cruces. Recentemente recibiron un galardón como empresa colaboradora por estas dúas elaboracións na Feira do Galo que se celebrou neste Concello de referencia a finais de decembro do 2022. Asemade, a empresa participa coa Asociación de Criadores de Galos de Curral de Vila de Cruces na promoción deste produto autenticamente galego, criados sen castrar e en liberdade e alimentados con produtos de tempada e cultivo orgánico que evita a graxa do polo industrial.

Con estas dúas receitas desenvolvidas pola empresa, que se ofrecerán no stand do Concello de Vila de Cruces, CULINARIA quere participar na promoción da cociña rica, caseira e natural galega entre os visitantes e profesionais que se acercan a Fitur dentro do programa de degustacións. Actualmente pódese  ampliar información sobre o galo e a súa comercialización na web https://cocinaculinaria.com/galodecurral/

A empresa CULINARIA conta cunha planta de produción propia de case 2.500 metros cadrados situada na Comarca do Deza, no corazón de Galicia, dende a que se elaboran entre 15.000 e 20.000 pratos día que se serven a uns 6.000 comensais diarios de toda a Comunidade galega.

Esta planta está especialmente deseñada e dotada para levar a cabo servizos de alimentación en liña fría ou quente que permite, asemade, combinar os procedementos da cociña tradicional cos sistemas de conservación máis innovadores e seguros. Esta dotación posibilita á compañía acadar un alto grao de planificación e organización da produción, ademais de garantir un máximo nivel de seguridade e hixiene alimentaria.

No marco desta concepción da alimentación como un dos piares da saúde individual e colectiva, Culinaria desenvolve a súa actividade centrada fundamentalmente en catro marcas recoñecidas, Culinaria Pro e Menú Atlántico, con solucións de restauración para o ámbito profesional, Culinaria Sénior, con sección propia Xerocatering para o coidado nutricional das persoas maiores, Culinaria San, con proxectos específicos para entornas clínicos e atención á diversidade e Culinaria Kids, con pratos equilibrados e divertidos para os máis pequenos.