eleccions sindicais

Próxima constitución do Comité de Empresa de Culinaria

· A CIG acadou un total de seis delegados e UXT tres

Silleda, 21 de maio de 2024.-  Proximamente terá lugar na sede da empresa Culinaria a constitución da representación legal dos traballadores, tras un proceso de votación no que o sindicato CIG acadou un total de seis delegados e a UXT tres.

A finais do mes de abril leváronse a cabo en Culinaria as primeiras eleccións sindicais celebradas na compañía para constituír a representación dos traballadores. No proceso escollíanse dous delegados de persoal para o colexio de persoal técnico administrativo e sete para o colexio de especialistas, segundo establece a normativa.

A raíz destas eleccións saíron escollidos cinco delegados da CIG e dous de UXT para o colexio de especialistas dun total de 92 votos dos traballadores. Canto ao colexio de persoal técnico e administrativo, dun total de 36 votos, o sindicato CIG acadou un delegado e UXT outro.

Para a Dirección de Culinaria, o período de eleccións e a vindeira constitución da representación legal dos traballadores son feitos importantes dentro da empresa e supón dispor dun órgano de interlocución cos traballadores que permite seguir avanzando na mellora das relacións laborais e o ambiente de traballo que redunde nun mellor servizo aos clientes.

Dende a dirección da empresa se agradece a tódolos delegados o esforzo realizado e a todo o cadro de persoal a súa participación.